17 Outubro 2025
Entre o 7 e o 9 de outubro, o Grupo Operativo Granxas Modelo, a través da Fundación Juana de Vega, organizou unha visita técnica coa participación duns trinta gandeiros pertencentes á Indicación Geográfica Protegida (IGP) Carne de Cantabria. A comitiva desprazouse a Galicia co obxectivo de afondar no modelo produtivo galego e coñecer o funcionamento da IXP Ternera Gallega, a de maior volume de produción en España.
Durante os tres días de duración da visita, os asistentes puideron coñecer de primeira man o sistema de trazabilidade da IXP Ternera Gallega, visitando explotacións nas que se explicou o proceso de identificación dos becerros e os requisitos para formar parte desta marca de calidade recoñecida a nivel estatal.
A estadía coincidiu ademais coa celebración dunha xornada técnica en San Román de Cervantes, organizada polo propio Grupo Operativo. Neste encontro analizouse a situación actual do sector do vacún de carne e déronse a coñecer os resultados dos estudos de custos realizados no marco da Rede de Granxas Modelo.
A visita incluíu tamén unha aproximación ao sector lácteo galego. Primeiro, cunha visita guiada á granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, exemplo destacado de innovación e sostibilidade no rural galego. Despois, achegándose ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM, Xunta de Galicia), onde puideron coñecer o labor investigador que se está a realizar en Galicia sobre este sector.
Outro dos puntos de interese foi a posta en valor da raza Rubia Galega, símbolo da identidade gandeira de Galicia. Neste sentido, o grupo realizou varias visitas a explotacións especializadas, entre as que destacou a Finca Villadangos, centrada na recría de animais de alto valor xenético desta raza autóctona.
Completando o programa, os participantes tiveron ocasión de coñecer parte do patrimonio cultural galego con visitas á cidade de Santiago de Compostela e á aldea prerromana de Piornedo (Lugo), espazos que contribuíron a ofrecer unha visión máis ampla do territorio e da súa riqueza histórica e paisaxística.
Non perdas as novas sobre o proxecto de Rede de Granxas Modelo!
Suscríbete á nosa newsletter cuatrimestral para estar ao tanto dos nosos avances.
Cubre o seguinte formulario.