Neste informe preséntanse os resultados técnico-económicos relativos ao ano 2024 dunha mostra de 17 granxas de vacún de carne, elaborados a partir da información facilitada polos gandeiros integrados na Rede Galega de Granxas Modelo.
A Rede está formada por explotacións de vacas nutrices que exemplifican o que os socios do Grupo Operativo definen como a Granxa Típica do modelo galego, situadas en concellos cunha notable presenza desta actividade gandeira.
Ademais, a Rede inclúe tres cebadeiros que, malia non encaixar no modelo definido como típico, teñen un peso relevante no sector en Galicia. Por este motivo, a súa información preséntase de forma separada no Anexo deste informe.
Este documento ten carácter descritivo e pretende ofrecer unha análise da conta de resultados das explotacións de vacún de carne en Galicia, contribuíndo á monitorización dos principais parámetros técnico-económicos do sector.
O seu obxectivo último é achegar datos que reflictan a realidade dos gandeiros galegos e lles sirvan de apoio para mellorar a eficiencia produtiva e, en consecuencia, incrementar a rendibilidade das súas explotacións.